A novela

En 1915 Alejandro Pérez Lugín escribe «La Casa de la Troya». Esta primeira edición, con portada de Castelao, constaba de 448 páxinas e tivo unha tiraxe de 1.600 exemplares. Foi tal o éxito que o primeiro ano fixéronse tres edicións máis. Dende entón traduciuse a varios idiomas e publicáronse máis dun centenar de edicións. A editorial Anaya fixo unha sinopse para a ensinanza do español nos Estados Unidos e en Latinoamérica. Mesmo existe unha edición da Universidade de Stanford. Ocupa o terceiro lugar entre as obras con maior número de edicións en lingua española.

O Museo Casa da Troia publicou unha edición especial da novela con motivo do ano xubilar 2010, da que se tiraron 750 exemplares. Inclúe un limiar póstumo do mecenas e impulsor do museo, Benigno Amor Rodríguez.

Pérez Lugín creou os seus personaxes baseándose en persoas reais da época, que el mesmo chegou a coñecer. Así, para o personaxe de Carmiña, a noiva de Gerardo Roquer, inspirouse en Carmen Carballeira, unha antiga noiva súa, que se fixo monxa e viviu moitos anos no Convento da Ensinanza, en Santiago de Compostela. Os escenarios son as rúas de Compostela, as súas prazas, as fontes, as xentes, a Catedral e a Universidade.

O dramaturgo Manuel Linares Rivas, amigo de Lugín, levou a obra ao teatro. Estreouse en 1918 no Teatro da Comedia de Madrid cun éxito rotundo. Máis tarde Silva Aramburu e Luna fixeron unha zarzuela.

Artigo de José María Díaz, deán da catedral de Santiago

Sinopse

Gerardo Roquer é un mozo madrileño. O seu pai envíao, en contra da súa vontade, a rematar os seus estudos de Leis á afastada Universidade de Santiago, co propósito de que sente a cabeza e se esqueza da cupletista «La Mañitas».

Santiago móstrase como unha cidade moi chuviosa e triste para o mozo, acostumado á troula da capital. Pero axiña coñece a varios compañeiros que o convencen para que se instale con eles nunha típica fonda universitaria. Entón a súa vida dá un xiro, xa que a Casa da Troia é unha pensión de estudantes festeiros e pillabáns. E tamén lle chega o amor. Gerardo namórase de Carmiña de Castro Retén, pertencente a unha aristocrática familia galega, que se nega a casar con el ata que se licencie. Os compañeiros axudarano no seu empeño.